De como o polbo chegou a introducirse en terras do interior de Galicia merece, cando menos, unha breve referencia histórica.

Os documentos máis antigos que relacionan ao Carballiño coa tradición pulpera datan do século XVII e áchanse en Marín.

Esta localidade pontevedresa foi priorado de Oseira durante varios séculos, chegando mesmo a posuír os frades cistercienses unha potente frota pesqueira.

Marín estaba obrigada a entregarlle aos frades en compensación polos dereitos de foro unha determinada cantidade que se materializaba en especies, sobre todo cordeiros, galiñas e produtos do mar. Entre estes achábase o polbo, moi abundante por certo en toda a ría de Pontevedra; é unha especie que pervive longo tempo, xa que pode ser secado sen que perda as súas calidades alimenticias e culinarias.

Polas inxentes cantidades deste cefalópodo entregadas para aquela época pode deducirse que os frades de Oseira iniciaron a comercialización deste produto nas terras do Carballiño. 

Co tempo, as pulpeiras e pulpeiros de Arcos foron incrementando a súa presenza en feiras afastadas da comarca ata chegar a popularizar a súa arte por toda Galicia. 

O polbo do Carballiño deu orixe á celebración dunha das festas gastronómicas máis multitudinarias e características de Galicia: a Festa do Polbo. Celébrase cada segundo domingo de agosto no Parque Municipal da vila e goza do privilexio de ser considerada desde 1969 Festa de Interese Turístico.

Pero o mérito de tanto éxito radica esencialmente  en dous factores: no seu carácter eminentemente popular -con variada oferta gastronómica dos produtos típicos de Galicia e de grupos de música e bailes tradicionais- e no marco  no que se desenvolve, o Parque Municipal, que conxuga como poucos lugares amplitude e  beleza natural.

Share by: